Saturday 20 de April de 2024

A Xunta concedeu 16 axudas na Comarca do Barbanza ao sector agrícola de máis de 105.000€ para impulsar o uso de enerxías renovables e a eficiencia enerxética


— A Xunta ampliou o ano pasado ata os 3,7M€ estas axudas para reducir os custos enerxéticos e para mellorar a competitividade deste tipo de explotacións

— A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten aberta outra convocatoria, ata o 31 de decembro, para optimizar as instalacións cun orzamento de 1,67 M€ procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a gandaría Caramuxeiro, unha das beneficiarias, o ano pasado, polo conxunto de axudas que puxo a Xunta a disposición do sector agrícola co obxectivo de impulsar a eficiencia enerxética e tamén o uso das enerxías renovables nas explotacións agropecuarias galegas. Os apoios permitiron que 16 granxas da comarca do Barbanza recibiran no 2021 máis de 105.000 euros para actuacións que mobilizaron máis de 210.000 euros. En Mazaricos contaron con estas achegas 12 granxas por un importe total de máis de 84.800 euros.

Concretamente, a gandeiría Caramuxeiro contou cunha axuda de máis de 6.700 euros para un investimento de máis de 13.400 euros co que levou a cabo unha actuación de instalación fotovoltaica de autoconsumo consistente na colocación de 36 paneis fotovoltaicos.

O delegado da Xunta informou que a convocatoria do ano pasado contou cunha ampliación ata os 3,7M€ co obxectivo de atender un maior número de solicitudes. Esta ampliación permitiu apoiar un total de 420 proxectos en toda Galicia. En concreto destaca a fotovoltaica con 386 iniciativas, seguido da biomasa con 10 proxectos, sete actuacións de minieólica, tres bombas de calor xeotérmicas e outras tres de aerotermia, ademais de 11 proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

A novidade da convocatoria do 2021 foi a de fomentar as axudas en explotacións agrarias que carecesen delas e nas situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se tiveron en conta os datos do IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos.

Novas axudas en 2022
Trenor informou que neste momento o sector agrícola tamén ten aberta outra convocatoria, ata o 31 de decembro, para optimizar as súas instalacións, concretamente trátase dunha orde de concorrencia non competitiva que conta cun orzamento de 1,67 M€ procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e está destinada ao apoio dunhas 60 actuacións realizadas en explotacións agropecuarias, baseadas na implantación de tecnoloxía eficiente para reducir o consumo inicial en polo menos un 10%.

Entran dentro desta liña as instalacións de regadío –relevo do grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético; implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega; ou cambio de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, por exemplo–, e tamén as explotacións –actuacións nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; cambio da enerxía convencional por enerxías renovables térmicas; ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, entre outras–.

A axuda máxima por proxecto será dun millón de euros e poderán optar a elas tanto as persoas físicas como xurídicas titulares dunha explotación gandeira; as comunidades de regadores e outras organizacións; os titulares de explotacións agrícolas de regadío; organizacións ou asociacións de produtores agrícolas; comunidades de enerxías renovables e comunidades cidadás de enerxía; así como empresas de servizos enerxéticos.

Con este tipo de axudas, o Goberno galego pretende seguir fomentando os investimentos en proxectos de aforro enerxético no sector agropecuario, así como impulsar o uso de enerxías renovables para mellorar a competitividade e contribuír á revitalización do ámbito rural e do sector agrícola primario.